Inicio

Premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra 2012.  

CASA DE ROSALÍA 

PADRÓN, 20 de maio de 2012

      O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro, en reunión celebrada na casa da Curiscada de Arzúa o 24 de marzo acordou conceder o "Pedrón de Ouro 2012” ao colectivo pedagóxico organizado en NOVA ESCOLA GALEGA e "O Pedrón de Honra", ao artista ourensán, membro do grupo Nova Estampa Galega, HENRIQUE ORTIZ ALONSO.  

PREMIOS PEDRÓN DE OURO 2012

     Presidente, membros numerarios, premiados, donas e cabaleiros, amigas e amigos todos, moi bo día. Permítanme que nas ás do vento envíe un saúdo exclusivo ao Presidente de Honra, a Avelino Pousa Antelo, que vén de cumprir 98 anos e segue, coma sempre, no meu mundo dos afectos.

     Aínda que a responsabilidade deste cometido me encolla un chisco, resúltame moi grato que, dende o padroado da Fundación do Pedrón de Ouro, conten cunha servidora nesta festa dos premios que, dende 1964, veñen promovendo e sempre outorgados a persoas ou entidades vivas, que gran acerto! Ninguén se deleita con maior intensidade ca os propios protagonistas.

    Síntome especialmente afortunada por se celebraren aquí, nesta casa tan de noso, e por me cadrar cando se lle concede o Pedrón de Ouro a Nova Escola Galega: un colectivo de ensinantes que, dende a educación infantil á universitaria, foron —e seguen a ser—, ese quilo e medio de paciencia concentrada da que fala Gabriel Celaya nun poema; dos que saben que educar é poñer motor a unha barca, levar na alma un chisco de mariño, outro chisco de poeta e outro de pirata; soñar que cando xa estea a durmir a nosa barca, en barcas novas continuará a nosa bandeira enarborada.

     Son mestra, e tamén eu me sinto premiada! Nova Escola Galega naceu no meu tempo máis fértil en desexos de abrir as portas do universo para sementar futuros e, neste colectivo, vímonos reflectidos moitas e moitos de nós.

     Ata entón, andabamos por libre a inventar unha nova orde mundial. Eramos coma cadeliños que mantivesen atados demasiado tempo e que, unha vez ceibes, non paran de choutar nunha actividade frenética.

     Vivimos en directo un fervedoiro contaxioso de esforzo, compromiso e entusiasmo por transformar a Escola Pública ao tempo que recuperabamos anaquiños de memoria para ir recompoñéndonos. Coidabamos que tiña que haber, por forza, outro xeito máis útil e atractivo de ensinar e outras cousas que ensinar.

     Aparecía un mestre que fixera un libro de matemáticas en galego, outra que argallara un novo método para a aprendizaxe das ciencias, outro que fixera un método de lectura… Eran floriñas que agromaban espontáneas aquí e acolá. Pronto comezaron a formarse pequenas sementeiras de traballo.

     Malia todo, xurdían atrancos que algúns, algunhas, experimentamos na propia pel. Dificultades que lembraban aqueloutros ensinantes que, en plena ditadura, viviron baixo sospeita por loitar contra unha maneira de ensinar que camiñaba de costas á vida; eses heroes anónimos sempre dispostos a dar unha derradeira lección, tal como recolle Castelao nun conmovedor debuxo da Galicia Mártir.

     No 1983 —hai xa 30 anos!—, canda a Lei de Normalización Lingüística, nace Nova Escola Galega e aquelas sementes xenerosas volvéronse hortos organizados nos que medrou vizoso un horizonte de proxectos innovadores. Nova Escola Galega foi axiña esa ponte de ouro, necesaria, pola que transitar cara a unha maneira diferente de entender o ensino, para galeguizalo e formar, así, unha valiosa miscelánea arredor da Educación.

     Lembro, non sen nostalxia, aqueles primeiros cursos de galego nos que, non só os que mamaramos na casa a lingua, senón os que a descubrían, comezamos a traballar arreo pola recuperación. Indignados e indignadas por todo o que nos fora ocultado, desexosos de o pregoar: reivindicativos, inspirados, eufóricos e fortes coma pontes romanas en ganas de mudar moreas de circunstancias, comezando por nós mesmos.

     Véñenme á memoria emotivos testemuños do momento en que loitabamos por nos desprender da diglosia coma quen aparta con ansia os cachotes que ocultan e feren un ser querido. Cadaquén contaba a súa experiencia de ignorancia ou de complexos: testemuños de quen, por falarmos en galego, houbemos de nos sentir emigrantes no propio territorio e dos subxugados ao castelán dende o nacemento. Talmente unha reunión de alcohólicos anónimos. Alí revelamos experiencias, convencidos, uns e outros, unhas e outras, de que resultaba unha boa terapia para sandar tanto do rexeitamento coma do descoñecemento.

     Nova Escola Galega converteuse no eixe aglutinador de todo aquel profesorado entusiasta, abrindo as ventás do ensino para que saíse e entrase o aire —para renovalo—, para debater, intercambiar opinións e experiencias cos ensinantes de lonxe, organizando congresos en diferentes puntos do Estado ou coa edición da Revista Galega de Educación que, dende  1986, se converteu no voceiro de quen tivo algo que dicir e quixo facelo. Vaia, de quen quere e ten algo que dicir, pois, malia un tempo de turbulencias e da escasa sensibilidade dos sucesivos gobernos, aí segue, rexurdindo a finais do 2005 co brío da Ave Fénix.

      Dende Nova Escola Galega, como ben sinala Antón Costa nun exhaustivo traballo de memoria no 25 aniversario —e disto hai xa 5 anos—, fóronse fraguando os “alicerces para mañá”.  Por certo abonda con ler  este traballo ou o nº 50 da RGE para que calquera poida admirar tanto camiño andado. Engadiría que a LIX máis recoñecida dentro e fóra do país, os libros de texto que se fixeron dende Galicia, editores de máis prestixio, crítica, investigación…, emerxeron na meirande parte arredor de NEG. Hoxe, aquí presentes, hai “históricos e históricas” que son un bo exemplo que o corrobora (mágoa non dispor de máis minutos para nomealos).

     Quero mostrarlles a todas e a todos os que puxeron a andar NEG e aos que fixeron posible a súa continuidade, a miña gratitude por nos aguilloar contra a rutina dos pupitres e contra a falta de compromiso co país dende un esforzo militante que non deixa de sufrir cambadelas.

     Precisamente, polos ataques e desconsideracións con nome de “recortes” que a lingua e o ensino público sofren na actualidade, Nova Escola Galega faise máis necesaria ca nunca. Se deixamos de soñar, estaremos mortos, mortas...

     E, aproveitando que veño de estrearme coma mestra xubilada, quero darlles ánimo e tomar por certos uns versos de Teresa de Calcuta:

Ensinarás a voar,

pero non voarán o teu voo.

Ensinarás a soñar,

pero non seguirán o teu soño.

Ensinarás a vivir,

pero non vivirán a túa vida.

Sen embargo...

En cada voo,

En cada vida,

En cada soño,

Permanecerá a pegada

Do camiño ensinado.

     O Pedrón de Honra foi outorgado ao artista ourensán —vaia, ourensán e arousán—, ao artista galego Henrique Ortiz Alonso.

     Desexaría comezar dicindo que tamén eu son pintora, que coñezo os segredos do gravado, do debuxo, da cor; que domino as técnicas da litografía e a serigrafía… Que Luís Seoane dixese de min que teño oficio, dedicación e alma de artista, ir canda el mostrar as miñas creacións a Montevideo…; expoñer por toda Latinoamérica, en Turín, Ansterdan, Oslo, París, Atenas, Lisboa… Manter unha intensa colaboración cos mellores artistas, que Vicente Risco me chamase agarimosamente artistiña; deixar a pegada da miña arte cun lobigato ao carón dos poemas e debuxos doutros artistas, nunha das paredes da taberna do Tucho. É dicir, non estaría mal ser como Henrique Ortiz, un referente fundamental da arte contemporánea do noso país.

      Pero o certo é que nin sequera podo presumir de ter cadrado con don Henrique antes de hoxe. Quizais gran parte da culpa estea no propio Quique, como lle din os amigos, por ser desas persoas que nunca tivo por gloria a conquista dos escaparates, senón que foi entrega apaixonada a un soño: explorar as posibilidades das cores e demostrar que gravar é arte cando quen grava é artista; revelar novas maneiras de ver a realidade, recibindo importantes premios, homenaxes…, mais sempre lonxe do barullo dos focos, insistindo en ser el, en observalo todo dende os exclusivos ángulos da súa ollada e do seu ánimo, para interpretar o mundo e contar del o que quixo e como quixo: libre de imposicións —ao mellor por iso unha das súas obras leva por título: Batacazos dun individuo que non pasou polo aro—, sen máis ataduras que as do amor ao Miño, ao mar, á paisaxe ferida e a louzá, á xente que a habita, á vida.

     Imaxínoo sentado na súa dorna, detida no medio e medio do mar da Arousa coma un mariñeiro máis, coma un capitán de conto, medíndolle o pulso na súa lenta respiración: preamar, devalar… Para logo comunicárnolo, coma quen nos puxese unha inxección intravenosa directa as sensacións.

     Gustaríame dispor dunha sólida formación teórica para poder falar da súa obra á altura que o artista merece. Pero o certo é que hei conformarme con reminiscencias de cando, sendo ben cativa, exercín de modelo para meu tío Vicente, pouco maior ca min: el quería ser pintor, e quedou en delineante; ou de cando me namorei do meu profesor de debuxo —el, máis de sesenta anos, eu apenas  trece—, e todo polo ben que me ensinara a debuxar follas de carballo danzando no aire coma paxaros asustados.

     Claro que, tampouco non son enóloga e, non obstante, son quen gozar e mesmo de reter na memoria o sabor, a cor, ou o aroma dun bo viño.

     Un mérito engadido a estes recoñecementos de O Pedrón de Ouro é que, grazas ao seu eco, contribúen a que o resto da sociedade coñeza o labor, ás veces non suficientemente popular, dos premiados. Por iso —emulando a V. Paz Andrade—, hei dicir, con profunda sinceridade, coma quen cumpre deberes de conciencia que, neste caso, me sinto venturosa porque foi vostede para min, don Henrique, unha revelación, unha descuberta prodixiosa ata tal punto que, hoxe, eu mesma podería imitar ao guía do Hermitage.

     Contan que, durante a 2ª Guerra Mundial, antes de que os alemáns completasen o cerco de Leningrado (a actual San Petersburgo) o goberno soviético logrou enviar aos Urais todas as obras de arte do Museo Hermitage. O guía, velliño e enfermo de tristeza, decidiu continuar as visitas guiadas e explicar os cadros, que non estaban. Facíao con tal paixón que os visitantes acababan por velos e aprecialos. Coas moedas que lle daban, sobrevivía.

     Hoxe, insisto, despois de pescudar nos seus máis íntimos segredos, don Henrique, eu mesma sería quen de sobrevivir nunha posguerra facendo de guía das súas creacións, sen telas diante fisicamente, porque tamén a min, coma ao guía do Hermitage, me habitan.

     Podería, poño por caso, dicir:

     Fíxense vostedes nesta litografía, Composición do 1979. Tan só con dúas cores, a negra e a vermella, abondan para conseguir un mosaico de sensacións, coma se o mundo enteiro coubese no cadro: unha parella fai o amor onda o mar, ese confidente, entregados os dous, alleos ao resto do mundo. E, mentres un solitario medra ante a contemplación da íntima escena, outro, en primeiro plano, —quizais empequenecido pola inmensidade do océano—só busca sentir no corpo a temperatura da area, agardando que a preamar bique os seus pés… Decátense das enormes manchas negras que escurecen o horizonte e se funden co vermello sangue. Talvez sexa un mal presaxio.

     Os veleiros agardan, dispostos a emprenderen unha longa travesía. Algún deles non esconde o destino que lles espera, semella unha gaiola na que dous paxaros baten as ás contra os barrotes.

     Veñan, veñan por acá, por favor...

     Ben sei que poderían continuar aí e o cadro seguiría a lles dicir algo novo, pero é moito o que desexo mostrarlles.

     E falaríalles de retrincos únicos, de amenceres feridos, de deliciosos campos de papoulas que convidan a deitarse neles, abrir os brazos e abrazar o mundo, de nenas que corren soas cara á horizontes dourados, de amigos que contemplan xuntos o mundo arredor dun ribeiro…

      E continuaría mostrándolles gaiteiros que perden a cabeza tocando, aciñeiras, as augas vivas do Miño, as ondas do mar, as correntes mariñas, as noites, os faros, os pobos, os xardíns… Follas secas, pedras secas, cabos… A luz, casas solitarias que forman parte da paisaxe natural, gaivotas, familias que camiñan da man, a emigración galega, arcos que permiten ver o ceo, portas, cabanas, militares, bombardeos, xinetes trotando…

     Falaríalles de sensacións que equivalen a poemas que non o contan todo, porque só vostedes, coa súa mirada, poden atopar o misterio que gardan.

     Oxalá non tivese limitados os minutos para poder mostrar tanta vida acumulada en case medio século de dedicación, pero aí está ciscada por museos nacionais e internacionais, salas de exposicións, … para que a gocen.

     Grazas, don Henrique, por lle abrir as portas do mundo á arte, sen esquecer Galicia.

     Parabéns a NEG e a don Henrique por este merecido recoñecemento. En ambos os dous casos non foi o froito dun ano de esforzo polo país, senón unha traxectoria vital que enchoupou ata hoxe todo o seu labor.

     Grazas.

Fina Casalderrey 

(Texto cedido por Fina Casalderrey, a petición de www.gorinho.gl, mantedora do acto na entrega do Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra)

     Pedrón de Ouro: 

    O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva e residente en Galicia que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida.

NOVA ESCOLA GALEGA

     Recoñecemos en Nova Escola Galega a vontade continuada no tempo a prol da realización no día a día dunha educación ao servizo, en particular, da nenez e da mocidade da nosa nación; tanto, desde as aulas de educación infantil, como mesmo desde aulas universitarias, e tamén dende os diversos espazos de formación de sur ao norte e de oeste a leste, nas diversas direccións da nosa xeografía.

   NOVA ESCOLA GALEGA vén promovendo unha educación alicerzada nas ideas da xustiza, da liberdade e da solidariedade, para formaren cidadáns e cidadás conscientes do País que habitan; conscientes da nosa lingua e cultura, o herdo que cómpre aloumiñar.

    Os da NOVA ESCOLA GALEGA veñen procurando desde hai máis de tres décadas xerar de seguido renovadas prácticas e innovacións pedagóxicas. Son moitos os recursos e materiais didácticos que levan construíndo, os encontros de traballo e de formación para o profesorado, intervencións públicas en diversos foros e instancias, sempre da man da laboriosidade e da cooperación. Xunto á Revista Galega de Educación aí están tamén as variadas publicacións feitas polos seus asociados e asociadas en diversos soportes.

    Ocúpaos a causa do idioma e do seu futuro e a do ensino público. Procuran unha educación democrática, inclusiva e laica.  

(Intervención de Mariló Candedo, Presidenta de Nova Escola Galega)

   Pedrón de Honra:

    Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura.

 HENRIQUE ORTIZ ALONSO

     O artista Henrique Ortíz (Ourense, 1934) desenvolve a súa traxectoria entre a súa cidade natal á que sempre estivo unido aínda vivindo en Madrid. Os primeiros pasos da súa formación artística descóbrense, nos anos corenta, na Escola de Belas Artes de San Fernando, onde recibe clases de debuxo, pintura e gravado, ampliando os seus estudos na Escola de Artes Gráficas madrileña e na Escola de Belas Artes de París.

     Xa nos cincuenta coñece o que dende entón será un dos seus mellores amigos, Luís Seoane, que escribirá máis tarde recoñecidos eloxios da súa obra. Por estas datas comeza a súa actividade expositiva. En Madrid coincide nalgunha mostra colectiva con artistas da talla de Saura e Xenovés, pero será co pintor galego Reimundo Patiño co que manterá unha intensa colaboración, que frutificará en proxectos comúns, como a formación do grupo El Quilombo. Con el chega a compartir un taller que acabará sendo punto de reunión na capital de creadores galegos, como os poetas de Brais Pinto, Uxío Novoneira e Bernardino Graña.

     En Galicia relaciónaselle cunha xeración de autores intelectualmente inquedos que se conforma na cidade das Burgas nos anos sesenta en torno á figura de Vicente Risco, o grupo de Os artistiñas. Deles, será con Xosé Luis de Dios con quen conservará durante décadas unha magnífica amizade. Por esas datas participa nunha exposición organizada por Luís Seoane en Montevideo do grupo Estampa Popular Galega.

    A obra de Henrique Ortíz transcorre, substancialmente, unida a dúas prácticas, o debuxo e o gravado. A primeira desenvólvese, dentro a súa traxectoria, por un lado como entidade independente e por outro como base da súa pintura. Na segunda, a obra gráfica, o artista consolidouse como un dos referentes fundamentais da arte contemporánea no noso país. As técnicas da litografía e a serigrafía, en concreto, non teñen ningún segredo para el.