índice

 

 
 

 

Ramón Piñeiro (dende Taragoña)

  A R.A.G. ven de adicarlle o 17 de maio de 2009, día das Letras Galegas, a Ramón Piñeiro. Nestes días leremos e escoitaremos a esgallo sobor da figura do intelectual galeguista, editor, membro do Partido Galeguista, deputado no primeiro Parlamento Autonómico como independente nas listas do PSOE, etc. etc…

Á marxe, dende Taragoña, un pequeno recordo

Durante dous anos  (1.977 – 1.978), tiven a sorte de presidir o Centro Cultural e Deportivo de Taragoña.

En decembro do 1977, presentamos no Salón de Actos do Centro, ante os case seiscentos socios da entidade a BANDA INFANTIL DE MUSICA, quizais un dos logros máis importante desta Sociedade nos seus trinta e cinco anos de vida. E pensamos que era preciso darlle a este feito todo o pulo que merecía. Queriamos que Galicia coñecera mais de nós, da Taragoña “… dun pobo unido”, tan en boga a finales da década dos sesenta, e qué mellor que presentar unha BANDA INFANTIL DE MÚSICA con preto de oitenta  nenos e nenas de entre oito e catorce anos de idade (ÚNICA EN GALICIA). O lugar, a capital de Galicia, Santiago, e o escenario, o mellor de entón, a Aula de Cultura da Caixa de Aforros de Santiago.

En poucos días arranxàmolo: xestións na Caixa, presentación nos medios de comunicación (prensa, radio e inclusive a tve-ga nos axudaron moi ben), … pero faltábanos algo...Coa mediación dun amigo común, Xosé María Bouzas, fomos pedirlle a Don Ramon Piñeiro que nos fixera o honor de presentar a nosa Banda Infantil, no seu extreno oficial, na capital de Galicia. O que previamos un encontro de vinte ou trinta minutos alongouse preto de dúas horas. Preguntounos unha e mil cousas de Taragoña, “…quería saber todo de Taragoña porque así sabía todo de Galicia,: o conflicto relixioso do 1969, cómo era posible nun pobo de menos de tres mil veciños un Centro Cultural con tantos socios, como os pais costeaban os instrumentos musicais dos alumnos da Escola de Música do Centro…  Fixo un canto dos movementos culturais veciñais en Galicia, e animounos a perseverar neste senso…

Fomos  pedirlle un favor e, cando veu despedirnos á porta, era el quen nos deu as grazas a nós! “por ternos acordado del…”, dixo.  Quedamos abraiados !.

Nalgunhas outras ocasións tiven a oportunidade de conversar de novo con el. Como resumo delas, se tivera que definilo en poucas palabras, só diría: galego, xeneroso, humilde, humilde, humilde, …

                                                                                                                Manuel Esperante.  (maio, 2009)

 
 

 

                      

 

                                                                                                                        (Manuel Esperante Ces. Centro Cultural e Deportivo de Taragoña: Memoria-IV Aniversario, 1978)